mércores, 10 de outubro de 2018

Descubrindo, investigando e gozando!

Estamos por aquí de novo, cheos de ideas e aventuras para seguir empregando e gozando coa nosa lingua.

Este curso imos andar mergullados polo fondo do MAR; así que, que mellor ca comezar coñecendo os seres vivos que nel viven.

Desta volta temos tarefa de investigación: coa axuda dun cardeno de campo iremos na procura de todos os animais que atopemos na peixaría do mercado de Tomiño. Estarán todos? 

Alá imos grumetes!!


domingo, 3 de xuño de 2018

ESTRALOQUE

E seguimos descubrindo a nosa lingua, desta volta tocou investigar sobre a palabra estraloque. De seguido tedes o vídeo con todas as ideas dos nenos e nenas do CRA.

Encántanos ver o entusiasmo dos nenos por recibir unha nova palabra que  investigar, así que contade con moitas máis para o vindeiro curso.

Xa estamos na procura de novas palabras 100% galegas.


sábado, 26 de maio de 2018

Última convivencia no centro de día

E unha vez máis volvimos pasar unha xornada xenial no centro de día. Desta volta as escolas de Taborda, Vilameán, Aurora e Vilachán foron as encargadas de compartir momentos especiais cos nosos maiores. 
Con esta xornada damos por rematadas as convivencias pero só por este curso.
Seguiremos aprendendo os uns dos outros o vindeiro setembro. 
Agardando con moitas ganas e ilusión!

xoves, 24 de maio de 2018

O NOSO PATRIMONIO CON OLLOS DE NENO

Mirade que proxecto máis bonito fixeron os nenos e nenas do CRA a través do proxecto medio ambiental de Voz Natura!!!
Despois de facer varias saídas polo entorno, de recoller información dos veciños e familias; nas aulas estiveron creando estos paneis sobre o patrimonio das diferentes parroquias do concello de Tomiño.
Parécenos unha actividade moi enriquecedora para os nosos pequenos xa que a través dela poideron aprender, descubrir, gozar e valorar este patrimonio que lles pertence a eles e que pretendemos sigan coidando sempre.
Convidámosvos a todos a que pasedes polo Mercado de Tomiño a velos, estarán expostos ata o 11 de Xuño. De seguido pasaremos a colocalos onde realmente deben estar, na parroquia correspondente para axudar a entender e potenciar o valor de todo este patrimonio cultural, etnográfico e natural que temos en Tomiño.



TENDAL DE POEMAS

Con motivo da celebración das Letras Galegas, dende o equipo de Biblioteca e en colaboración co equipo de dinamización da lingua galega do CRA; xurdiu a idea de crear estas letras tan fermosas e así homenaxear as nosas letras a través de varios autores galegos. Neste caso escollemos como xénero literario a poesía e foi deste xeito como os nosos cativos crearon esta fermosura de instalación.
Grazas ao Concello de Tomiño poideron estar expostas na Plaza do Seixo durante a celebración das Letras Galegas o pasado 17 de Maio; despois estiveron colocadas no noso festival e por último están agora colgadas no muro arredor da sede do CRA para que todo o pobo de Tomiño e os seus veciños poidan gozar da dozura da nosa lingua. 
PASADE A VELAS!


FESTIVAL LETRAS GALEGAS

E por fin chegou o gran día, celebramos o momento máis importante de recoñecemento da nosa lingua, as LETRAS GALEGAS. Coma outros anos o festival tivo lugar na escola da Aurora, nun enclave precioso, arroupados pola natureza e acompañados do bo tempo gozamos desta festa tanto pequenos coma maiores.
Aquí vai un vídeo resumo de toda a xornada na que actuaron dende mestres, nenos e nenas e ata os nosos maiores do centro de día. Fixérono todos de marabilla, sodes uns artistas!
Agradecer ás mestras e mestres o traballo realizado para que todo saíra perfecto; tamén ás traballadoras do centro de día e aos usuarios que poideron achegarse a disfrutar e participar na festa e polos agasallos en forma de carballos que nos namoraron a todos; a todas as familias que asistiron e disfrutaron con nós e por suposto tamén á mestra da Aurora, Cris, por compartir o espazo da escola e polo vídeo e fotos deste día.
Agardamos que todo fora do voso agrado e prometemos repetir diversión, alegría e ganas de gozar coa nosa lingua o próximo 17 de Maio! 




martes, 24 de abril de 2018

FARAGULLA

Seguimos descubrindo palabras galegas, desta volta tocounos pensar, imaxinar e coñecer a palabra 'Faragulla'. Os nosos pequenos tiveron ideas moi diferentes e divertidas. Aquí vos deixamos o vídeo con todo o que nos contaron e co gran traballo que fixeron unha vez resolto o seu significado. 
Menudos artistas temos no CRA!


xoves, 12 de abril de 2018

APRENDENDO E DISFRUTANDO NO CENTRO DE DÍA

Unha vez máis os nosos nenos e nenas pasamos unha xornada cos maiores do centro de día. O pasado venres 6 de Abril foi o turno das escolas de Carregal, Figueiró e Seixo 1. Durante a mañá poideron compartir momentos tan bonitos coma o de relaxación, maquillaxe e masaxes por parte dos pequenos así coma escoitar contos e sabeduría por parte dos maiores. Para agradecerlles a todos os ususarios e traballadores do centro o poder compartir con eles eses momentos, os cativos destas escolas agasalláronos cunha pranta e unha maceta decorada por eles, menudos artistas!



mércores, 21 de marzo de 2018

NOVA XUNTANZA NO CENTRO DE DÍA

O pasado venres 16 de Marzo os nenos e nenas do CRA volveron a pasar unha xornada no centro de día de Tomiño compartindo momentos e experiencias cos máis maiores.
Desta volta foron os pequenos das escolas de Amorín, Barro e Seixo 2 os que animaron e aprenderon nunha xornada chea de lendas e contos de Tomiño, música e baile tradicional e sobre todo moitos aloumiños e cariño.

 





martes, 20 de marzo de 2018

PINCHACARNEIRO


Comezamos o noso xogo de investigación coa palabra Pinchacarneiro, que curiosa! 
Aquí vos deixamos un vídeo coas ideas dos nosos nenos e nenas sobre o significado desta palabra tan enrevesada e co seu significado. Imaxinación ao poder!!!

Grazas a todos os cativos, ás titoras e tamén ás familias que se involucraron na busca do significado, sodes xeniais!



venres, 2 de marzo de 2018

IMOS AO CENTRO DE DÍA



O pasado venres 23 de Febreiro, as escolas de Forcadela, Estás e Seixo 3 viviron unha xornada de intercambio de experiencias no Centro de Día de Tomiño. Nela as nenas e os nenos pasaron toda a mañá compartindo espacios e rutinas cos maiores usuarios do centro; alí poideron vivir momentos de relaxación, aloumiños por parte de todos, escoitar historias e contos do noso patrimonio (igrexa románica de Tomiño, escultura da Peregrina de Estás e ponte medieval e antigo muíño de Forcadela) e rematar cantando e bailando todos xuntos. 

Aproveitamos para agradecer a Eder (pai dun dos nenos do CRA) a súa participación nesta experiencia e por amenizar a xornada coa súa guitarra e a súa voz. GRAZAS!

Tanto cativos coma maiores disfrutaron enormemente desta experiencia tan enriquecedora na que sobre todo se intercambiou cariño, amor e tenrura. 

Esta foi só a primeira das múltiples visitas que imos facer e das moitas actividades que estamos a levar a cabo cos usuarios e traballadores do centro de día, aos cales lles damos as grazas por permitirnos participar no gran traballo que fan día a día.






Outra das actividades na que estamos colaborando conxuntamente o CRA e o Centro de día é na felicitación dos aniversarios dos maiores por parte dos cativos e viceversa. Aquí vos deixamos unha mostra dalgunhas das tarxetas tan bonitas e que con tanto cariño fixeron pequenos e grandes.



venres, 2 de febreiro de 2018

30 XANEIRO, DÍA DA PAZ E DA NON VIOLENCIA

O pasado martes 30 de Xaneiro todos os nenos e nenas do CRA estivemos celebrando o día da PAZ. Agrupámonos por escolas e xuntos fixemos diferentes talleres e actividades. Unha delas foi a lectura do conto "O LAPIS MÁXICO DE MALALA", que nos conta a vida desta nena e como conseguiu facer realidade o seu soño: que todos nos uníramos para loitar pola paz. 
Os rapaces e rapazas estiveron coñecendo nos días previos un pouco máis desta rapaza galardoada co Premio Nobel da Paz no 2014. 
De seguido, os cativos poideron experimentar e debuxar a paz cun lapis máxico coma o do conto e tamén escribir os seus desexos de paz.