xoves, 21 de febreiro de 2019

3° xuntanza no centro de día

Onte mércores, os cativos das escolas da Aurora, Carregal e Estás foron os encargados de compartir tempo, espazo e experiencias cos, xa nosos, avós e avoas do centro de día de Tomiño.

Pasárono en grande tanto pequenos coma maiores xogando, creando e empregando as tablets.

Por suposto non faltaron anécdotas, cariño e aloumiños. Encantados de poder ter estas vivencias! 


venres, 18 de xaneiro de 2019

GOLFIÑO


Iris anda de novo mergullada pola biblioteca do CRA e como este curso estamos sumerxidos no MAR, desta volta pediu axuda aos nenos e nenas para descubrir o significado da palabra golfiño.

Velaquí podedes ver as ideas dos cativos e gozar tanto coma eles xogando a investigar a nosa lingua!








martes, 4 de decembro de 2018

Unha nova xuntanza no centro de día

O pasado mércores volvimos a facer unha convivencia no centro de día de Tomiño para pasar parte da mañá cos nosos maiores, e dicimos nosos porque xa os sentimos así, como parte da nosa gran familia!

Desta volta foron os cativos do Seixo 2  e de Vilameán os que gozaron desta xuntanza.

De seguido vos poñemos algunha foto dos diferentes talleres que alí fixemos e do cariño e respecto que se comparte neles.


xoves, 18 de outubro de 2018

XUNTANZA COS NOSOS MAIORES

Onte mércores retomamos as xuntanzas no centro de día de Tomiño para compartir momentos especiais cos nosos maiores.

Desta volta foron as escolas de Barro, Forcadela e Taborda as primeiras en intercambiar experiencias, coñecemento e cariño.

Grandes e pequenos tiveron oportunidade de facer ximnasia xuntos, cantar e bailar música tradicional galega, xogar a xogos tan tradicionais coma o dominó e a oca, facer peixes con materias de reciclaxe e pasar pola sala de relaxación e pola perruquería.

Foi unha mañá moi emotiva e gratificante na que todos gozamos moito, coma sempre grazas ao gran traballo e dedicación de todos os empregados do centro.

Xa nos tarda voltar!


mércores, 10 de outubro de 2018

Descubrindo, investigando e gozando!

Estamos por aquí de novo, cheos de ideas e aventuras para seguir empregando e gozando coa nosa lingua.

Este curso imos andar mergullados polo fondo do MAR; así que, que mellor ca comezar coñecendo os seres vivos que nel viven.

Desta volta temos tarefa de investigación: coa axuda dun cardeno de campo iremos na procura de todos os animais que atopemos na peixaría do mercado de Tomiño. Estarán todos? 

Alá imos grumetes!!


domingo, 3 de xuño de 2018

ESTRALOQUE

E seguimos descubrindo a nosa lingua, desta volta tocou investigar sobre a palabra estraloque. De seguido tedes o vídeo con todas as ideas dos nenos e nenas do CRA.

Encántanos ver o entusiasmo dos nenos por recibir unha nova palabra que  investigar, así que contade con moitas máis para o vindeiro curso.

Xa estamos na procura de novas palabras 100% galegas.


sábado, 26 de maio de 2018

Última convivencia no centro de día

E unha vez máis volvimos pasar unha xornada xenial no centro de día. Desta volta as escolas de Taborda, Vilameán, Aurora e Vilachán foron as encargadas de compartir momentos especiais cos nosos maiores. 
Con esta xornada damos por rematadas as convivencias pero só por este curso.
Seguiremos aprendendo os uns dos outros o vindeiro setembro. 
Agardando con moitas ganas e ilusión!

xoves, 24 de maio de 2018

O NOSO PATRIMONIO CON OLLOS DE NENO

Mirade que proxecto máis bonito fixeron os nenos e nenas do CRA a través do proxecto medio ambiental de Voz Natura!!!
Despois de facer varias saídas polo entorno, de recoller información dos veciños e familias; nas aulas estiveron creando estos paneis sobre o patrimonio das diferentes parroquias do concello de Tomiño.
Parécenos unha actividade moi enriquecedora para os nosos pequenos xa que a través dela poideron aprender, descubrir, gozar e valorar este patrimonio que lles pertence a eles e que pretendemos sigan coidando sempre.
Convidámosvos a todos a que pasedes polo Mercado de Tomiño a velos, estarán expostos ata o 11 de Xuño. De seguido pasaremos a colocalos onde realmente deben estar, na parroquia correspondente para axudar a entender e potenciar o valor de todo este patrimonio cultural, etnográfico e natural que temos en Tomiño.



TENDAL DE POEMAS

Con motivo da celebración das Letras Galegas, dende o equipo de Biblioteca e en colaboración co equipo de dinamización da lingua galega do CRA; xurdiu a idea de crear estas letras tan fermosas e así homenaxear as nosas letras a través de varios autores galegos. Neste caso escollemos como xénero literario a poesía e foi deste xeito como os nosos cativos crearon esta fermosura de instalación.
Grazas ao Concello de Tomiño poideron estar expostas na Plaza do Seixo durante a celebración das Letras Galegas o pasado 17 de Maio; despois estiveron colocadas no noso festival e por último están agora colgadas no muro arredor da sede do CRA para que todo o pobo de Tomiño e os seus veciños poidan gozar da dozura da nosa lingua. 
PASADE A VELAS!


FESTIVAL LETRAS GALEGAS

E por fin chegou o gran día, celebramos o momento máis importante de recoñecemento da nosa lingua, as LETRAS GALEGAS. Coma outros anos o festival tivo lugar na escola da Aurora, nun enclave precioso, arroupados pola natureza e acompañados do bo tempo gozamos desta festa tanto pequenos coma maiores.
Aquí vai un vídeo resumo de toda a xornada na que actuaron dende mestres, nenos e nenas e ata os nosos maiores do centro de día. Fixérono todos de marabilla, sodes uns artistas!
Agradecer ás mestras e mestres o traballo realizado para que todo saíra perfecto; tamén ás traballadoras do centro de día e aos usuarios que poideron achegarse a disfrutar e participar na festa e polos agasallos en forma de carballos que nos namoraron a todos; a todas as familias que asistiron e disfrutaron con nós e por suposto tamén á mestra da Aurora, Cris, por compartir o espazo da escola e polo vídeo e fotos deste día.
Agardamos que todo fora do voso agrado e prometemos repetir diversión, alegría e ganas de gozar coa nosa lingua o próximo 17 de Maio! 




martes, 24 de abril de 2018

FARAGULLA

Seguimos descubrindo palabras galegas, desta volta tocounos pensar, imaxinar e coñecer a palabra 'Faragulla'. Os nosos pequenos tiveron ideas moi diferentes e divertidas. Aquí vos deixamos o vídeo con todo o que nos contaron e co gran traballo que fixeron unha vez resolto o seu significado. 
Menudos artistas temos no CRA!


xoves, 12 de abril de 2018

APRENDENDO E DISFRUTANDO NO CENTRO DE DÍA

Unha vez máis os nosos nenos e nenas pasamos unha xornada cos maiores do centro de día. O pasado venres 6 de Abril foi o turno das escolas de Carregal, Figueiró e Seixo 1. Durante a mañá poideron compartir momentos tan bonitos coma o de relaxación, maquillaxe e masaxes por parte dos pequenos así coma escoitar contos e sabeduría por parte dos maiores. Para agradecerlles a todos os ususarios e traballadores do centro o poder compartir con eles eses momentos, os cativos destas escolas agasalláronos cunha pranta e unha maceta decorada por eles, menudos artistas!